Friday 26 de April de 2024

A Xunta distribuíu 2,5M€ de axudas dos concellos a máis de 2.400 hostaleiros


— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe que 64 municipios se adheriron ao convenio para que o Goberno galego adiantase a través da súa plataforma as contías dos concellos aos seus propios hostaleiros co obxectivo de simplificar os trámites e axilizar os pagos

— A maiores, a Xunta destinou case 90M€ de fondos propios ao sector da hostalería nas dúas convocatorias dos Plans de Rescate, case a metade dos máis de 180M€ mobilizados para axudar mediante os dous plans aos autónomos, microempresas e hostaleiros afectados polos peches debido ás restricións sanitarias

 

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo hoxe balance das axudas dos concellos aos locais de hostalería do seu municipio tramitadas a través da plataforma empregada pola Xunta para abonar as contías dos beneficiarios das dúas convocatorias do Plan de Rescate. Na súa visita hoxe a un dos establecementos beneficiarios no concello da Estrada explicou que 64 concellos de tódolos signos políticos se adheriron á plataforma da Xunta, o que permitiu simplificar trámites e axilizar os pagos dos 2,5 millóns de euros que se destinaron a máis de 2.400 locais de hostalería.

Deste xeito, estes municipios interesados en repartir as súas axudas á hostalería empregando a plataforma da Xunta formalizaron un convenio tipo para que o Goberno galego adiantase a cantidade que os concellos tiñan previsto destinar aos seus propios hostaleiros tras verse afectados polo peche dos seus negocios debido ás restricións sanitarias. Así, estas axudas complementarias dos concellos, cun importe de 1.000 euros por establecemento, sumáronse ás do II Plan de Rescate da Xunta.

As cantidades adiantadas pola Xunta para que os concellos apoiasen aos negocios de hostalería do seu ámbito territorial detraerase, segundo decidise cada entidade local ao formalizar o convenio, con cargo ás transferencias do Fondo de Cooperación Local ou ás partidas orzamentarias municipais.

Natalia Prieto sinalou que con esta medida a Xunta continou a tramitar o antes posible o apoios aos sectores afectados pola pandemia axilizando os procedementos e os pagos. Así, lembrou que entre os dous Plans de Rescate, o Goberno galego mobilizou en menos de seis meses máis de 182 millóns de fondos propios a autonómos, microempresas e negocios de hostalería. Case a metade do orzamento corresponde á hostalería con case 90 millóns de euros.

Entre estes 90 millóns de euros dos Plans de Rescate da Xunta e os 31,2 millóns das distintas convocatorias de axudas destinadas ao sector turístico e aos concellos e entidades para actuacións relacionadas con este ámbito, o Goberno galego leva investidos neste ano máis de 120 millóns de euros na reactivación do turismo galego.

Neste investimento inclúense os 16 millóns de euros do último paquete de axudas, con liñas dirixidas a apoiar o funcionamento das axencias de viaxes, á mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes, así como á adquisición de equipamentos poscovid como medidores da calidade de aire dos locais de hostalería e aloxamentos e ao apoio en medidas de dixitalización e promoción destes negocios para captar visitantes.